Skip to content Skip to navigation

A ASOCIACIÓN DE POSGUERRA

Pouco despois da Guerra Civil, un grupo de rapaces novos, de entre dezaseis e vinte anos, decidiron a fundación dunha especie de ateneo cultural informal. Tratouse dunha organización ilegal, pois na Dictadura estiveron prohibidos case tódolos tipos de asociacións. Isto trouxo bastantes dores de cabeza aos seus precursores. Estamos no ano 1948.                               

       Os responsables desta iniciativa foron Julián Alonso Alonso, Prudencio Alonso Alonso, Manuel Barreiro Álvarez, Manuel Fernández Davila, Regino Figueroa Piñeiro, Teofilo Piñeiro Davila e Eligio Vila Iglesias. Eles foron os que, nun momento determinado, pensaron que porqué en lugar de ir a perder o tempo á taberna non creaban un local onde puidesen reunirse, ensinar aos que non tiñan outro xeito de acceder ás primeiras letras, crear determinadas actividades, etc.

Para redactar este espacio foi fundamental a entrevista a un dos seus compoñentes, Regino Figueroa Piñeiro, un home fascinante que se adapta perfectamente aos cambios do mundo no que vivimos.

 Regino lembra como alugaron o local no que logo se instalou a barbería de Gonzalo, emprazado a poucos metros do  Centro Veciñal e Cultural antigo.  O mobiliario co que contaron foron unhas mesas e uns bancos que os rapaces fixeron coas súas propias mans, un encerado que mercaron e, uns caixóns nos que meteron os seus propios libros, que logo prestaron aos socios.

No tocante aos beneficiados que asistiron a ler: foron todos homes, máis ben novos (de entre quince e vintecinco anos), que tendo comezado a traballar moi novos non tiveran tempo de ir á escola unitaria que xa estaba en funcionamento. O prezo que pagaron por aprender foi moi baixo, dado que os fundadores non cobraron nada, só se pagou para o alugamento do baixo e para os gastos de mantemento.

 En total foron  uns corenta ou cincuenta socios, que non asistían tódolos días, senón cando o traballo llelo permitía.

A xente estaba animada porque sabía que non se ía a perde-lo tempo, senón a aprender. Cando chegaban alí, había mozos que non sabían ler nin sumar e saían sabendo incluso dividir.

Os que ensinaron foron basicamente tres: Regino Figueroa Piñeiro, Julián Alonso Alonso e  Manuel Barreiro Álvarez, aínda que este último non podía estar tódolos días por motivos de traballo. 

Tamén intentaron desenvolver outras actividades, entre as que destacou a Rondalla. Antes xa houbera unha, que se truncara coa Guerra, e foi este grupo de mozos quen volveu a organizala. De feito, no mes de novembro de 1948 xa ía Regino a buscar o permiso ao Concello a correr porque senón xa non podían saír.

A Rondalla de Valladares foi unha das máis importantes  da zoa, o que lles serviu aos seus compoñentes para que as rapazas novas lles fixesen máis caso.

O capitán da Rondalla foi  Sabino “do Cavadón” e os abandeirados: Julián Alonso Alonso,  Manuel Fernández Davila e  Regino Figueroa Piñeiro.

Outra actividade que desenvolveron foi a coral. Os rapaces xuntábanse no local e cantaban alí, pero non actuaron para ninguén máis. Tratábase de pasalo ben e de facerse escoitar, por iso un deles saía continuamente para comprobar que o que estaban a cantar soaba ben dende fora, e que o nivel ao que cantaban era suficiente para que os veciños o escoitasen.

Moitos dos socios e fundadores desta asociación estiveron tamén na Banda de Música, como foi o caso de  Regino Figueroa, quen tocaba a trompeta, pero que o deixou porque o de estar a tocar nunha romaría e non poder bailar non o levaba nada ben.

Un dos peores momentos foi cando un veciño xa maior, que tiña un fillo alí a aprender, os denunciou como asociación ilegal. De non ser por Sabino Caseiro, que pertencía á Falanxe e que lles quitou aos militares de enriba, a saber o que lles houbese acontecido. Con todo, estes mozos non se reunían por cuestións de política, senón que o facían por axudar. Por este motivo, a denuncia deixounos moi desilusionados. A pesar disto, a andaina desta asociación continuou, aínda que algúns membros foron casándose e tiveron que deixalo.

Nesa etapa sinistra fixeron moito dano os que controlaban as cotas agrarias, o subministro de víveres,..., cantas das nosas nais e avoas tiveron, para espabilar a fame, que soportar a repugnancia, a asquerosidade daqueles tipos sen escrúpulos, “cantos conquistas non desexadas”, cantos fillos non recoñecidos. Entre a emigración para o Río da Prata, e o silencio imperante pasamos a etapa máis sinistra da posguerra. Sobre esas mulleres dignas e de mirada limpa, valentes, silenciosas, traballadoras e resignadas está constituída a xeración dos que rondamos os 50, 60 ou 70 anos ¡que grande homenaxe merecen!, aínda que só sexa no papel.


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014