Skip to content Skip to navigation

Patrimonio

O patrimonio etnográfico da parroquia non é moi diferente do dos arredores. Está composto sobre todo por hórreos, fontes, lavadoiros, muíños e casas labregas.

Tamén se poden atopar restos arqueolóxicos de distintas épocas que van dende os petroglifos ata achados romanos pasando polas mámoas.

Para  máis información   pódese buscar a parroquia de Valladares  no Catálogo de elementos, edificios e bens protexidos no PXOM do Concello de Vigo

Petroglifo da Gándara

A pervivencia da actividade rural cun gran predominio do millo, explica a existencia dun elevado número de hórreos e muíños. Os hórreos cunha antigüidade superior aos cen anos superan a centena. Poucos exemplares foron construídos só en pedra, e a maioría combinan un sistema mixto entre a pedra e a madeira.

Muiño das Maquias

Muíño das Maquías

No tocante aos muíños, Valladares é a parroquia de Vigo que conta con máis exemplares en funcionamento. Algúns deles levan moendo máis de cen anos e sufriron importantes transformacións. O sistema de propiedade é na maior parte dos casos de herdeiros, e aínda hai varios deles que fan uso das súas quendas. Algúns exemplares son o do Foxo, o da Cotarela, o da Pontella, os das Maquías, o do Carregal... Este último aínda que e de pequeno tamaño, destaca tanto pola súa canaleta como pola lonxitude que acada o rego de devolución e evita inundacións. Outro deles é o das Maquías, a carón do embalse de Zamáns, un conxunto restaurado polo Concello, onde funcionou unha unidade didáctica sobre a tradición do pan dirixida a escolares. Está dentro do itinerario do sendeiro GR-53, nunha zona de gran interese paisaxístico.

A existencia deste amplo número de muíños débese á riqueza agrícola da zona. Segundo o Catastro de 1752, por aquel entón, xa había catorce muíños fariñeiros, que pagaban por dezmo un valor de 23.000 reais, que eran repartidos polo párroco, o Cabido de Santiago e o Maestrescola de Tui.

Pódese ampliar esta información vendo o traballo realizado por Ana Belén Álvarez Mariño, titulado:  Recursos Hídricos da Parroquia de Valladares, Vigo

Entre as fontes e lavadoiros hai catorce elementos de interese: seis fontes, dous lavadoiros e seis fontes-lavadoiro. Algúns destes exemplares son a fonte que hai na subida ás Barrocas que, ao pé do surtidor ten un pequeno pilón labrado nunha rocha; a que se sitúa na estrada da Igrexa composta por un pequeno pilón de pedra ao pé dunha fonte de cano e; no camiño do Portal atopamos un conxunto formado por unha fonte de cano, ao pé dunha mina de auga e un pilón de dobre folla.

 

No tocante ao patrimonio relixioso hai que sinalar a existencia de gran número de cruceiros. Un dos conxuntos máis importantes é o Calvario situado no adro da igrexa parroquial. Pertence a un tipo de composición marcado polo esquematismo, aínda que sen renunciar a un certo tipo de naturalismo no tratamento das anatomías e nas figuras do Cristo e da Piedade. Na parroquia hai tamén outros exemplares como o de Freixo ou o que se atopa no cemiterio particular.

Calvario cun cruceiro de 1664, como indica na súa base,  situado no adro da igrexa.

 

A casa rectoral atópase no camiño da Igrexa-Barrocas. Forma un interesante conxunto integrado por unha vivenda con varios inmobles engadidos, producto de varias etapas constructivas. Destaca a escada de acceso, de gran volume e decoración, e unha galería traseira, aínda que agora se atope totalmente reconstruída de aluminio. Completan o conxunto un vello hórreo e varios alboios e bodegas pegados ao muro de feche da propiedade.

Entre as edificacións relixiosas destacan tres exemplares: a igrexa parroquial, e as capelas de San Xoán de Freixo e do Monte Alba.

As datas de construcción explican o reducido tamaño da igrexa parroquial. Comezouse a edificar en 1677-1678 e a torre foi rematada en 1726, cando a poboación da parroquia non era en modo algún comparable á da actualidade.

Na construcción desta obra destacou un personaxe: Diego Sarmiento de Valladares. Foi bautizado na Colegiata de Santa María o 10 de agosto de 1611, e tras ser alumno do Colegio Mayor de la Santa Cruz de Valladolid, chegou a ser catedrático e máis tarde arcebispo de Oviedo e Plasencia. En 1670 fundou o Seminario de Plasencia, baixo a Advocación da Purísima Concepción e, en 1678 sufragou os gastos de reedificación da igrexa parroquial de Valladares, sitio da Casa Solar dos seus maiores. Faleceu en Madrid o 29 de xaneiro de 1695, e foi sepultado no convento dos Carmelitas Descalzos. O feito de que os documentos falen de reedificación, fai pensar na posibilidade dun edificio anterior.

Igrexa Parroquial.

Trátase dunha igrexa rectangular, cunha nave única, cabeceira cadrada e torre campanario pegada á fachada, que amosa unha portada rematada nun frontón no que se inclúe a representación de Santo André. Na parte alta aparece o escudo de armas dos marqueses de Valladares.

O cemiterio rodea a igrexa pola súa cabeceira e, no adro atopamos un calvario en pedra.

No tocante á capela de San Xoán de Freixo, está catalogada como edificio románico na súa parte máis antiga, aínda que na actualidade está profundamente remodelada.

Pero o certo é que, a súa orixe énos descoñecida. A primeira documentación que fala dela data do ano 1694, nun texto no que consta unha petición de reparación de dita capela para solucionar o seu estado ruinoso.

En documentos posteriores recóllense noticias como que en 1772 o seu capelán era o cura de Priegue e, en 1828 D. Antonio Pérez i Novoa. Este último, mandou fechar a capela ao culto debido ao seu mal estado de conservación.

No século XIX, houbo continuos enfrontamentos entre os curas de Comesaña e de Valladares pola titularidade da capela, que se atopa nos lindeiros entre ambas parroquias. O cura de Valladares presentou daquela un recurso na Real Audiencia de Galicia, baseándose nunha escritura de apeo, sacada do arquivo dos marqueses, na que se fixaban os lindes da divisoria.

O tribunal despachou unha requisitoria contra o párroco e os veciños de Comesaña que, non aceptaron, á vista do sucedido. Don Jacinto Mariño de Comesaña, denunciou ante as autoridades eclesiásticas  ao párroco de Valladares porque, na festividade de San Xoán saíra da igrexa coa súa procesión e que entrara na freguesía de Comesaña ata a capela do Freixo (cando xa quedara dito que pertencía a Valladares). Tamén dixo que o cura pasara a visitar as casas de Freixo pola Pascua vestido con estola para cobrar o dereito chamado como esa vestidura litúrxica.

A isto respondeu don Benito Feijoo, de Valladares, insistindo en que era a el a quen lle correspondía percibir a pitanza e as dereituras da misa, e que continuaría celebrando os oficios na capela.

Vendo o estado de cousas, o bispo optou por encargarlle ao abade de Coruxo, don José Romero, un informe pericial, xa que era licenciado en dereito. Non aclarando nada, cominou ao párroco de Comesaña para que non oficiase misa na capela, baixo a pena de excomuñón maior e 20 ducados de multa. Pero don José Mariño non fixo caso.

Chegado o día de San Xoán, o párroco de Valladares, fíxose ca chave da ermida e, arroupado polos seus fregueses oficiou unha misa cantada, presidiu a procesión e ao rematar, levou a imaxe do santo para a súa igrexa. Pola súa banda, o abade de Comesaña, nesa mesma xornada, celebrou a festividade dentro do templo parroquial, e non quedándolle outro remedio seguiu co preito nos tribunais de xustiza.

En 1867 recoñecéuselle a titularidade á freguesía de Valladares, pero como os seus corenta e un veciños cumprían co precepto na igrexa de Comesaña, e cando un enfermo precisaba de absolución chamaban ao crego da mesma Comesaña, o bispo decidiu mudar a adscrición espiritual en favor desa parroquia. Aínda que esta situación non durou demasiado, e novamente volveu a formar parte de Valladares. Ao redor da capela está o torreiro co palco, este último sito en terreos de Comesaña.

Existe unha lenda sobre a orixe do San Xoán de Freixo, segundo a cal o santo provén de Seoanes. Unha muller do camiño de Caramanchel, sito en dito lugar, casou en Freixo e levou consigo o santo, que co tempo pasou á capela. Aínda que a zona da Sobreira e de Seoanes ten moi boa madeira para a fabricación de santos (zona con gran número de topónimos de árbores), as posibilidades de que isto sexa máis que unha lenda, son practicamente nulas.

 

Capela do Monte Alba

Pola súa parte, a capela do Alba está sita no monte do mesmo nome. Ademais de ser un lugar de beleza incalculable, conta cunha situación estratéxica  para a defensa dun amplo territorio. Aínda que se fala da existencia dun poboado castrexo debaixo da capela, o certo é que, ata o momento non apareceu ningún material que nos faga pensar nisto. Todo o que alí se atopou é románico ou posterior.

Nun primeiro momento, sábese que a capela estaba dentro dun recinto fortificado, que polo recollido nos documentos, poderíase tratar dun castelo baixomedieval, pertencente á estirpe dos Valladares.

No tocante á descrición arquitectónica da propia capela, a súa planta está formada por dous rectángulos, un maior de 9,1 x 7 metros, e outro algo menor, de 7,2 x 6 metros. Os muros exteriores están feitos de sillería, con bloques non sempre regulares. En tempos, esta capela foi caleada polos mariñeiros porque servía como punto de referencia para emprazar os mellores bancos de pesca. Quizais os elementos arquitectónicos que máis chaman a atención son os canelóns de desaugadoiro, que se atopan nas esquinas, detalle propio das construccións, xa dunha certa calidade e relevancia.

 

No que atinxe ao interior, tanto a tribuna, que xa existía segundo a documentación en 1781, coma o teito que vemos actualmente, son recentes, pois están aínda na memoria colectiva dos maiores da parroquia. Nos séculos XVIII e principios do XIX contaba con dous altares laterais e no retablo maior albergábanse as imaxes da Concepción e de San Bieito.

Na fachada destacan dous elementos, a espadana, que é moi recente, e o escudo señorial da liñaxe dos Valladares. O escudo está composto por uns escaques da liñaxe dos Valladares, colocados sobre unha cruz da Orde de Santiago e timbrado con unha coroa de marqués, polo que esta peza ten que ser posterior á concesión, do título nobiliario, polo rei Carlos II.



Escudo señorial da liñaxe dos Valladares

 Historicamente a capela do Alba contou con algunhas rendas para o seu sustento, algo que non nos debe estrañar, pois era común nas fundacións relixiosas levadas a cabo polas familias nobres. Ademais, a través dos testamentos, estas capelas recibían importantes cantidades a cambio de misas para a salvación das almas dos encomendados, e isto deuse tamén nesta capela. Amén de todo esto, a Virxe recibía gran número de ofrendas de valor entre as que se encontraban xoias.

 


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014